Tuesday 14 de May de 2024

O Concello de Ribeira entrega os premios dos concursos de Nadal


O Concello de Ribeira repartiu hoxe os premios dos concursos de decoración de Nadal en establecementos do comercio e da hostalaría locais. O tenente de alcalde Francisco Suárez, a concelleira de comercio Genoveva Betanzos e a concelleira de Cultura Antía Alberte, entregáronlle as cestas ás persoas propietarias de establecementos que se implicaron na decoracion dos seus locais cunha temática de Nadal.

“Dámoslle os parabéns aos establecementos gañadores e animamos a que se animen moitos máis o próximo ano” declarou Betanzos. A concelleira de Comercio asegurou que “este goberno ten a firme votande de potenciar o comercio local, por iso os premios son cestas confeccionadas por negocios de Ribeira e os premios monetarios son bonos para consumir na hostalaría e nos comercios do noso concello”.

Acto seguido entregáronse os premios ás mellores decoracións de viviendas, balcóns e xardíns de Ribeira e das parroquias. Este concurso outorgou premios cun importe total de 6.750€, distribuídos en tres categorías e tres premios para cada unha das nove parroquias do Concello de Ribeira. O primeiro premio é un bono regalo por valor de 400 euros para gastar no comercio local, o segundo premio; unha cesta por valor de 200 euros, e o terceiro unha cesta por valor de 150 euros.

Os edís Francisco Suárez e Antía Alberte concluíron o acto desexando unhas boas festas e felicitando ás veciñas e veciños premiados por animar estas datas coas súas decoracións, das que destacaron a súa calidade e vistosidade.